Presentación de “O libro secreto da filosofía”, en Rianxo

Categoría: Nova

O venres 26 de xaneiro, celebrarase, ás 20:30 h, no Centro Sociocultural-Auditorio do Concello de Rianxo, a presentación de “O libro secreto da filosofía“, de José Carou, ilustrado por Sara Valcárcel, organizada pola A. C. Barbantia.

Acompañando o autor e ilustradora, estarán Margarita Fernández Gómez, profesora e tradutora; Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor; Julio Alcalde, concelleiro de Educación e Cultura de Rianxo; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

Contará coa intervención artística de Miguel Mosquera e a intervención de Tano Domínguez, piano da Escola de Música de Rianxo.

Publicado na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia, este libro, de José Carou, ilustrado por Sara Valcárcel, reta ás lectoras a pensar por elas mesmas. A través dunha lectura amena e divertida, todas as persoas poderán asistir a unha fabulosa viaxe da man de Eila e Breixo.

O LIBRO SECRETO DA FILOSOFÍA é unha novela de iniciación onde os seus protagonistas viaxan no tempo e nas demais dimensións movidos polo amor ao coñecemento. O seu carácter curioso fainos avanzar na procura de respostas para resolver un misterio que leva dous mil setecentos anos agachado no corazón dunha superheroína namorada da verdade: A FILOSOFÍA.

Sócrates, Aristóteles, Hipatia, Descartes, Immanuel Kant, Friedrich Nietzsche e Simone de Beauvoir van ir desvelando á rapazada que se achegue a este libro, as marabillas coas que a vida nos sorprende e conmove, se estamos dispostos a seguir sorrindo e facer sorrir aos demais.

Esta publicación aposta pola amizade, alén de xéneros e crenzas, e pola solidariedade real entre os pobos e culturas.

José Carou (Rianxo, 1969) é profesor de Filosofía no IES Espiñeira de Boiro. Publicou as novelas “Desvelando a Ademar Escambia” (Premio Antón Avilés de Taramancos, 2019) e “O Bebedizo de Lúa” (premiada no Lueiro Rey, 1997). Tamén é autor do poemario “Hemisferio auga” (2021) e do inclasificable “Relatos da incorrección” (2021).

Escribiu crítica de cine para Sermos Galiza, Diario de Arousa e Cinemadicción, ademais de colaboracións ocasionais para o suplemento cultural Barbantia (La Voz de Galicia).

Recibiu, entre outros galardóns, o Francisco Fernández del Riego (1996), o Faustino Rey Romero (1999), o Viadutos (2000) e o Premio de Narracións Curtas Modesto R. Figueiredo por Afán e infortunio dos días estragados (2018).

Comparte nas túas redes sociais ou por email