O xoves 25 de xaneiro, celebrarase, ás 20 h, en RioLagares, en Vigo, unha lectura dramatizada arredor de Morte accidental dun anarquista, de Dario Fo, da man dos alumnos da ESAD de Vigo, dirixidos por Ermel Morales.
Contará coa participación de María Alonso Seisdedos, tradutora da obra e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
En 1920, o inmigrante italiano, Andrea Salcedo, caeu desde o edificio do FBI en Nova York, e, en decembro de 1969, o mesmo lle ocorreu ao anarquista Giuseppe Pinelli, na xefatura de Policía de Milán.
Estas “mortes accidentais” sérvenlle a Dario Fo para escribir Morte accidental dun anarquista, comedia non só entretida e enxeñosa, senón que se constitúe nunha denuncia da inxustiza, a represión e a falsidade e contra o “terrorismo de Estado”, porque “a sátira é a arma máis eficaz contra o poder, que non atura o humor, nin sequera os gobernantes que se chaman democráticos, porque a risa libera o home dos seus medos” (Dario Fo).
Daniel Fo (Sangiano, Varese, 1926 – Milán, 2016). Autor, director e actor teatral, recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1997. En 1959 fundou, coa súa esposa, Franca Rame, a compañía teatral Dario Fo-Franca Rame, para en 1968 crear a compañía Nuova Scena, na procura dun teatro autenticamente popular, crítico, social e que fose politicamente eficiente, que se transformou no Colectivo Teatral La Comune, independente e autoxestionado, que foi obxecto dun atentado fascista en 1978. Escribiu e representou máis de de cincuenta obras, sátiras políticas reivindicativas contra o poder, o capitalismo, a mafia e a Igrexa.