O venres 16 de decembro, celebrarase, ás 18:30 h, no Museo Municipal Ramón Aller de Lalín, a presentación de O gran triángulo, de Francisco Díaz-Fierros.
Acompañando o autor, estarán o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde de Lalín, José Crespo.
O catedrático emérito da USC e escritor, Francisco Díaz-Fierros, novela no libro O gran triángulo unha expedición científica entre 1806 e 1808 ás Illas Pitiusas de tres científicos ilustrados, entre eles o lalinense Xosé Rodríguez, coñecido como o Matemático de Bermés. Está considerado como unha das autoridades mundiais no campo da xeodesia.
Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela. Foi Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. Autor de monografías coma As concas fluviais de Galicia. Características e riscos de contaminación difusa (1993) e O medioambiente: do control da emisión á incerteza do risco (2000). Obtivo o Premio da Crítica de Galicia en investigación no ano 1997.
Díaz-Fierros é membro do Consello da Cultura Galega e membro numerario da Real Academia Galega desde o 28 de setembro do ano 2002.