O sábado 17 de decembro, celebrarase, ás 12:30 h, na Casa Habaneira de Guitiriz, a presentación de Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas, de Luz Campello.
Acompañando a autora, estarán a escritora e poeta, Marica Campo, a escritora e membro da NPG, Pas Veres, e Alfonso Blanco (Xermolos).
Este poemario está escrito dende a experiencia de quen sucou os mares e sabe dos naufraxios, das illas e das arribadas.
Un Eu feminino que se recoñece na intemperie, e que se cuestiona o mundo dende as súas arestas: o propio corpo, as perdas, o amor, as inxustizas, as violencias, a destrución da natureza… Un poemario de denuncia e resiliencia que transita no tempo e no devalar das mareas até desfragmentar as feridas e acadar o botín, “a única ganancia propia / a ganancia das derrotas”.
Luz Campello (Granxa Vella, Labrada, Guitiriz, 1966) comezou a escribir na revista Xemolos, de Guitiriz, e en 2005 gañou o V Certame Poesía da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi. Membro fundadora da Nova Poesía Guitirica, xunto con Antón de Guizán, Pastora Veres e outras mozas e mozos vencellados con Guitiriz, movemento que xorde arredor da figura de X. M. Díaz Castro, en 2009 publicou o seu primeiro poemario, Do corazón da terra, ao que seguiu Inventario do prohibido (2010).