O martes 28 de xuño, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, a presentación de No día do seu enterro, de Cristina Pato.

Acompañando a autora, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Publicada na colección Literaria de Galaxia, No día do seu enterro, é unha novela sobre o poder da palabra, sobre a nobreza dos invisibles e sobre as verdades non contadas. Unha conmovedora historia sobre o que significa reconstruír a vida para poder sacar adiante unha familia.

A raíz da inesperada morte do seu pai, as irmás Raposo comezan unha viaxe vital que as leva a descubrir as múltiples realidades da cidade de Ourense en que se movía o seu pai.

Cristina Pato debuta como novelista, na Editorial Galaxia, cunha historia personalísima que pon en valor a grandeza do pequeno, dos actos desintesados, das accións que ninguén ve pero que son capaces de transformar a sociedade.

Unha lectura emocionante e imprescidible.

Cristina Pato (Ourense, 1980) Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” por The New York Times. Na actualidade, a súa vida profesional está centrada na exploración do rol das artes na sociedade a través da docencia e da produción.

Traballou como artista en residencia na Universidade de Nova York (NYU), na Universidade de Harvard e na Universidade de California, Santa Barbara. Ademais de colaborar durante quince anos co Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma.

Como escritora e columnista, no ano 2015 comezou a súa andaina cunha columna quincenal no xornal El Correo Gallego, e desde o 2017 escribe unha popular columna semanal para a contraportada do periódico La Voz de Galicia titulada “A arte da inquedanza” pola que gañou o XVII Premio Afundación de Periodismo Fernández del Riego. No ano 2022 publica a súa primeira novela “No día do seu enterro”, coa Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022).

Cristina divide o seu tempo entre Nova York e Galicia e comparte a súa vida co fotógrafo Xan Padrón.
www.cristinapato.com

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR