O luns 27 de xuño, celebrarase, ás 19 h, na Sede Afundación de Ferrol, a inauguración da exposición “SIRO LÓPEZ E XAVIER ALCALÁ. 50 ANOS CON GALAXIA”, en torno á novela Alén da desventura.
O acto contará coa participación de Xavier Alcalá, Siro López, Ángel Mato, alcalde de Ferrol, Marité Cores, coordinadora de Cultura Afundación, e Antón Vidal Andión, presidente de Editorial Galaxia.
Para asistir, é imprescindible inscribirse na seguinte ligazón:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScJMYLYgFO615aC7GY82VXUwlqllAsEY0slvm0lebczdJBkig/viewform
Siro López é ferrolán de raza e Xavier Alcalá, fillo do aluvión humano á cidade dos estaleiros e a Mariña. Siro é de 1943, Xavier do 47. Con moita probabilidade xa se cruzarían por rúas e prazas de Ferrol sendo o Siro un neno grande e o Xavier un picariño. Non coincidiron no “insti” Concepción Arenal mais, por razóns de herdanza no caso do Siro e de curiosidade intelectual no do Xavier, o galeguismo xermolara dentro deles cando se foron atopar o un como debuxante e o outro como letrista de cancións. Pouco tardaron no seu primeiro encontro artístico: Siro ilustrou as crónicas do Xavier en El Ideal Gallego.
Nesa altura Ben-Cho-Sey en Madrid trataba de salvar da censura a primeira colaboración entre ambos en formato de libro, Voltar (seis personaxes e un fado). Grazas á teimosía galeguista de Ben-Cho-Shey e Ramón Piñeiro, hai agora 50 anos saíu da imprenta o libro.
A partir dese momento a relación do debuxante, humorista e ilustrador, e a do novelista e cronista, tivo froitos significativos coma o de O Galego Hoxe, o método de lingua ilustrado que publicou La Voz de Galicia. Ao tempo ambos seguiron a colaborar coa Editorial Galaxia, cada quen coas súas capacidades creativas.
Logo de cinco décadas de colaboración, xurdiu en Galaxia a idea de facerlles unha homenaxe conxunta en base a exposición de obras, conferencias e a reedición dunha novela de Xavier Alcalá baseada en feitos do Ferrol da Ilustración que levaron, por vía mariña, a lugares exóticos. Decidiuse reeditar Alén da desventura ilustrada por Siro. Na novela, galardoada co Premio Blanco-Amor, aparecen personaxes dezaoitescos que o ollo agudo de Siro identificou polas descricións do novelista, quen, á súa vez se inspirara en persoas coñecidas por el.
A exposición “Siro López e Xavier Alcalá: 50 anos de colaboración con Galaxia”, auspiciada por Abanca, vai recoller mostras da arte plástica de Siro, incluídos os traballos orixinais para Alén da desventura, e as sucesivas edicións dos libros de Xavier Alcalá editados por Galaxia.
Ademais, durante a estadía da exposición na sede ferrolá, todas e todos os interesados poderán participar de varios encontros:
- Mércores 29 XUÑ | 19.00 h
Charla sobre Alén da desventura: “Século XVIII: expedicións navais ao Mar Austral”. Con Juan Antonio Rodríguez-Villasante e Xavier Alcalá. - Mércores 6 XUL | 19.00 h
Presentación da nova edición de Alén da desventura. Con Xavier Alcalá, Siro López, Vicente Araguas e Francisco Castro. - Xoves 13 XUL | 19.00 h
Charla sobre Galaxia: “Galaxia, 72 anos de facermos país”. Con Antón Vidal e Verónica Rego.
Actividades libres e gratuítas, previa inscrición.
Esta exposición está organizada pola Editorial Galaxia, Afundación, e Merlín Comunicación; enmárcase no programa solidario CULTURA POR ALIMENTOS en colaboración con FESBAL.
As persoas interesadas poderán colaborar coa súa doando produtos non perecedoiros, destinados ao Banco de Alimentos de Ferrol.