Hoxe celebramos o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

Categoría: Nova

Hoxe celebramos o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+.

A orixe desta conmemoración atópase na madrugada de 1969, nos chamados disturbios de Stonewall. Foi a primeira vez que a comunidade LGTBIQ+ xuntou forzas para reivindicar os seus dereitos, contra a opresión do sistema estadounidense, en protesta dunha redada policial no pub Stonewall Inn, en Greenwich Village, (Nova Iorque). Ao ano seguinte, organizáronse as primeiras marchas nesta cidade e nos Ánxeles, ás que pouco a pouco fóronse engadindo outras urbes do mundo enteiro.
Hoxe, cincuenta e tres anos despois, o Orgullo está presente en moitos países en forma de festexos, desfiles cheos de cores nas rúas e a realidade de que, aínda, queda moito por facer en materia de dereitos para estes colectivos.
Dende Galaxia recomendamos a lectura de varias obras que inciden na necesidade de realizar cambios sociais e ampliar horizontes: A receita do queixo lunar, de Paloma de Toro, ilustrado por Nuria Díaz, e Identidade, de Nee Barros Fernández.
O álbum de Paloma de Toro, adobiado coas fantásticas ilustracións de Díaz, incide na defensa da diversidade e convida ás nenas e nenos a abrazala. Amosa outras realidades, e a posibilidade de amar dunha maneira diversa. As protagonistas desta historia, Petroski e Teresa, demostran como un posible temor ao descoñecido pode transformarse en confianza e cooperación, grazas á curiosidade de comprender outras circunstancias.
Publicada na colección Costa Oeste, Identidade é unha obra de teatro na que acompañamos ao protagonista, Zé, nunha transición que confrontará moitos prexuizos e descoñecemento ao seu redor. Un libro que defende a importancia da palabra para visibilizar e entender outras realidades.
Loitemos polo noso dereito á vivir as nosas vidas con plena liberdade e estar, sempre, ben orgullosas, orgullosos e orgulloses de quen somos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email