Presentación de “Lume”, no Porriño

Categoría: Uncategorized

O xoves 1 de xuño, celebrarase, ás 19 h, na Biblioteca do Porriño, a presentación do libro Lume, Premio Vidal Bolaño 2022, de José Luis Baños de Cos.

Acompañando o autor, estarán o alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo Alonso, Raquel Castro, secretaria do xurado do premio, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Publicado na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia, Lume, Premio Roberto Vidal Bolaño 2022, conta a historia de Roi, un rapaz de dezaseis anos, cunha vida igual á doutros rapaces da súa idade. Un rapaz que toma unha serie de decisións que o levarán a cometer un horrible crime.  

A verdadeira protagonista de Lume é a violencia, cada vez máis presente na nosa sociedade, con múltiples formas e, en moitos casos, agochada tralo anonimato da masa grupal. Contada de xeito non lineal, ademais de Roi, tamén teñen cabida as voces dos seus achegados, que amosan os feitos e as súas consecuencias desde diversos puntos de vista. Lume é unha invitación a preguntarnos de onde procede a violencia.

José Luis Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977). Licenciado en Antropoloxía Social, cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro, A espera, de Titereficcións, e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro. Como dramaturgo, nos últimos anos obtivo varios premios teatrais, entre os que destacan o Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle (2018) con O círculo, o Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019) con Asfixia, o Premio Roberto Vidal Bolaño (2020) con A cámara escura, o Premio de Textos Teatrais dirixidos a Público Infantil da Escola Navarra de Teatro (2021), con O neno que se agochaba dentro dunha caixa de galletas, o Premio teatral Varela Buxán (2021) con Segunda morte, e o Premio Barriga Verde para textos de monicreques, na modalidade de adultos (2022) con Nas nubes. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email