O venres 2 de xuño, celebrarase, ás 20:30 h, na Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos”, en Noia, a presentación de A historia de Sara, de Franciso Castro, ilustrado por Luz Beloso.
Acompañando o autor, estarán a escritora e presidenta de A. C. Barbantia, María Xesús Blanco, o escritor Antón Riveiro Coello, José Pérez Martínez, concelleiro de Cultura, e Santiago Freire, alcalde do Concello de Noia.
A historia está contada por unha cativa de 6 anos, na linguaxe dunha nena tan pequena, nun uso da linguaxe como o dunha nena pequena… pero do que nos fala é dun tema duro, difícil, algo que unha nena de 6 anos non debería ter que vivir.
A través dunha trama apaixonante, só descubriremos ao final do libro, que é o que atenaza á pequena. A historia de Sara ocúpase dun tema complexo que ten que ver con algo que a infancia nunca debería padecer. Unha ollada dende a infancia á brutalidade dos adultos, ao inferno no que, en moitas ocasións, son as casas cando deberían ser un remanso de paz.
Sara leva calada moitos anos. Sara non fala. Porque garda un segredo. Temos que ler o libro para entender que é o que a está a destruír por dentro…
A historia de Sara non é un libro infantil, malia que a cativada poida lelo. É un libro que nos interpela aos adultos, que nos interroga sobre como é posible que sucedan certas cousas terribles no seo dos fogares.
Francisco Castro (Teis-Vigo, 1966) leva moitos anos publicando libros nos que aborda temáticas difíciles, para toda clase de públicos. Ten escrito sobre o alzhéimer, o dano cerebral adquirido ou a prostitución infantil. Coida que se pode falar de todo dende a literatura sempre e cando o fagamos coa linguaxe axeitada. O traballo artístico de Luz Beloso axuda a convertir este libro nun proxecto global onde palabra e cor se unen para contar unha historia que nunca debería suceder.