A RAG recibe a Lourenzo Fernández Prieto como académico de número

Categoría: Nova

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresará o sábado 3 de xuño na Real Academia Galega como membro de número. A sesión extraordinaria pública terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou, a partir das 12 horas.

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e conselleiro de Editorial Galaxia, dará lectura ao discurso titulado A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977, ao que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da Sección de Historia, Ramón Villares. Lourenzo Fernández Prieto ocupará a vacante producida no ano 2020 polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza. 

Lourenzo Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural Histagra, e dirixiu a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios. 

Na Editorial Galaxia publicamos, na colección Ensaio, o libro Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, froito do traballo de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho. O historiador, é tamén o responsable do limiar de Diario da guerra, un libro inédito de Francisco Fernández del Riego, Letras Galegas 2023.

Comparte nas túas redes sociais ou por email