O venres 20 de xaneiro, celebrarase, ás 20:30 h, no Salón de actos do Auditorio de Rianxo, a presentación de Diorama, de José Carou.
Acompañando o escritor, estarán Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, o ilustrador Salvador Laíño, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Diorama, de José Carou, é o novo poemario do escritor de Rianxo, pertencente á colección Dombate de Editorial Galaxia.
Os versos do autor están adobiados coas ilustracións de Laiño que, en palabras de Carou, subliman a intención de cada verso. Antes de amosarlle, xa el intuía. A amizade rescátanos dos medos íntimos, do desasisado reconto silábico en soidade.
Comezar a ler esta suxerente proposta, obriga a seguir. Dioramaé sensorial, está ateigada de profundas reflexións, cheas de humanidade. Os poemas atravesan as idades da luz:
UN OCÉANO no teito do dormitorio
A casa é dun amigo que posúe todas as chaves da beleza
Aves migratorias inzan a súa terraza na noitada
Non queda espazo para volver escribir
A ferida deita desespero insomne
Recunchos apagados do cuarto a se poboar de luz acuática
Necesariamente ten que ser tamén amigo de raíñas
Van alzar o voo as aves
Mitolóxicas
Que durmas ben, non leas ata tarde
Aínda que doia no íntimo o abandono
E a metamorfose non se limite ás noites de plenilunio
Se perdemos a fala, esquecemos a orixe do universo, e deixamos de recender os significados, de debuxar coa voz fotogramas censurados antes de durmir.
José Carou (Rianxo, 1969) é profesor de Filosofía no IES Espiñeira de Boiro. Publicou as novelas Desvelando a Ademar Escambia(Premio Antón Avilés de Taramancos, 2019) e O Bebedizo de Lúa (premiada no Lueiro Rey, 1997). Tamén é autor do poemarioHemisferio auga (2021) e do inclasificableRelatos da incorrección (2021).Escribiu crítica de cine para Sermos Galiza, Diario de Arousae Cinemadicción, ademais de colaboracións ocasionais para o suplemento cultural Barbantia(La Voz de Galicia).Recibiu, entre outros galardóns, o Francisco Fernández del Riego (1996), o Faustino Rey Romero (1999), o Viadutos (2000) e o Premio de Narracións Curtas Modesto R. Figueiredo por Afán e infortunio dos días estragados (2018).