O xoves 19 de xaneiro, celebrarase, ás 19 h, no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, un faladoiro con Francisco Castro, escritor e director xeral de Editorial Galaxia, arredor de Isto si é un home, o reto de facerse homes feministas.
O autor, explota en Isto si é un home. Unha mirada masculina contra o patriarcado, a súa faceta como filósofo para situarse no pensamento feminista desde a súa condición de varón.
Castro ironiza sobre os mitos irracionais do patriarcado para demostrar, desde unha respectuosa seriedade, como o machismo é mundialmente destrutivo, eticamente peor e cunha decidida e indesexable tendencia á infelicidade.
Recorrendo á memoria persoal, “Isto si é un home” é ademais a confesión emocionante dun autor que propón o reto de seguir o seu exemplo e facerse homes feministas. Está nestas páxinas, polo tanto, o Francisco Castro máis vitalista, provocador e descarnado que non dá opcións á indiferenza debido á valentía desde a que apela aos machistas e totalitarios.
Francisco Castro, naceu en Teis (Vigo) en 1966. É escritor e director xeral de Editorial Galaxia. Pioneiro no uso da blogosfera e redes sociais como un xeito de interacción cos seus lectores e lectoras, posúe algúns dos premios literarios e de xornalismo máis importantes do noso país. Opina na televisión e na radio públicas, na prensa galega e na prensa catalá. Moitos dos seus libros foron traducidos a linguas como o serbio, o portugués do Brasil, éuscaro, catalán, castelán, italiano ou inglés. Na súa obra, nomeadamente na infantil e xuvenil, adoita presentar personaxes masculinos moi afastados dos tópicos de xénero, insistindo en modelos de home alternativos e disidentes. Tres dos seus libros están incluídos na prestixiosa lista IBBY que recoñece os mellores libros do mundo. Membro da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, este é o seu primeiro ensaio.