Fina Casalderrey será homenaxeada este ano pola AELG na súa terra natal

Categoría: Blog

A autora recibirá o recoñecemento A Escritora na súa Terra.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou o outorgamento a Fina Casalderrey da Homenaxe A Escritora na súa Terraen 2023, que recibirá en Pontevedra no mes de xuño.

Esta  iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental.

A celebración da AELG vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación da árbore simbólica elixida pola propia autora e a colocación dun monólito conmemorativo.

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas(1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina(1992, premio Merlín), Chamizo(1994), ¡Asústate, Merche!(1995), O misterio dos fillos de Lúa(1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres(1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996, incluído na Lista White Ravens 1998), ¿Sobrevives?(1996), ¡Puag, que noxo!(1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata(2000), A máscara de palma(2000), O neno can, escrito conxuntamente con Francisco Castro (2014, Lista do centro Ibby de Documentación para nenos con dificultades especiaisi; Premio Frei Martín Sarmiento 2014; Lista de Honor da revista CLIJ 2014).

En 2020, publicou Lingua guapa.Cantos que contan, musicado por Néstor Blanco, ilustrado por Lucía Cobo.

A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.

Traducida a máis dunha ducia de idiomas, ten desenvolvido tamén un destacado labor no eido do fomento da lectura e a renovación pedagóxica do Ensino, amais de promover o teatro escolar e a investigación etnográfica no ámbito educativo.

Nominada ao Premio Astrid Lindgren e incluída nas prestixiosas listas White Ravens e Outstanding Books, recibiu tamén a Medalla Castelao (2003).

En 2013 foi nomeada académica de número da RAG e recoñecida pola Asociación Galega de Editores como Autora do Ano 2012, así como por Gálix como Socia de Honra; distincións que espellan a excelencia do conxunto da súa obra.

En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email