Presentación de “Ben mantidos”, en Ourense

Categoría: Nova
O martes 10 de decembro, celebrarase, ás 19:30 h, no Liceo de Ourense, a presentación de Ben mantidos. Historia cultural da gastronomía galegade Xavier Castro Pérez.
Acompañando o autor, estará o xornalista Alexandre Outeiriño Míguez.
Xavier Castro Pérez, estudoso da historia cultural da alimentación e a culinaria galega, ofrécenos en Ben mantidos, publicado na colección Ensaio, un percorrido polos maiores e máis ilustres protagonistas da nosa gastronomía: o cocido, o caldo, as empanadas, o polbo, as vieiras…
Unha novidosa interpretación da nosa historia, unha “nova crónica de nós”, fornecida de alento e optimismo e cunha ollada que permita que as novas xeracións se identifiquen cunha sociedade vizosa que pasou penurias xa superadas, o que leva ao autor a soster que, coa dieta atlántica, os galegos estivemos, e seguimos a estar, ben mantidos.
Xavier Castro Pérez (Cangas, 1954) impartiu docencia nas Universidades de Santiago e Rennes, e na École des Hautes Ètudes en Sciences Sociaux, de París. Dirixiu proxectos de investigación histórica e asesorou pezas audiovisuais e series televisivas. É membro da comisión científica da Fundación Dieta Atlántica. Entre as súas publicacións destacan: A lume manso (Galaxia, 1998), Ayunos y yantares (Premio Nacional de Gastronomía 2001), A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia (Galaxia, 2010), A mesa e manteis (Premio Gourmand World Awards 2010), Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Século XIX e XX (Galaxia, 2019. Premio de Investigación Ferro Couselo) e Cociñeiras con talento. Mulleres e gastronomía en Galicia (2023), entre outros. Recibiu o Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015 polo seu labor como investigador e divulgador da historia da alimentación en Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email