Felisa Segade e Montse Rivera (fundadoras de Leilía, primeiro grupo que dá protagonismo á voz e á pandeireta nun escenario) afondarán neste espectáculo de canto, enfocado á campaña escolar, palabra e toque, no porqué destas cantigas, a súa creación, os momentos en que se cantaban, o papel que xogaban no día a día das nosas antepasadas.
Axudádeme a cantar é un encontro con xente moza que ten como obxectivo fundamental servir de ponte entre antano e hogano, poñendo en valor un patrimonio inmaterial que é parte da nosa historia e que debemos protexer e evitar que esmoreza, que caia no esquecemento.
En 2025 o Día das Letras Galegas está dedicado ao Cancioneiro popular galego e ás mulleres que crearon cantigas que se transmitiron de nais a fillas.
Da man de Felisa Segade e Montse Rivera (fundadoras de Leilía), e seguindo o fío da novela de Marcos Calveiro Agora que vén a noite, farán unha viaxe dende o presente cara ao pasado, para entender de onde vén a música galega actual.
En Agora que vén a noite, a adolescente Uxía, tras un grave incidente, ten que comparecer ante a Fiscalía de Menores. a súa nai, desesperada, decide enviala a Vilaverde, unha afastada aldea onde pasará o verán con Primitiva, a madriña da nai, unha vella desaborida á que a moza nin estima nin coñece.
Nesas xornadas estivais, Uxía madurará e irá descubrindo pouco a pouco como asumir as consecuencias dos seus actos. Coñecerá tamén a Roi, un mozo moi distinto a ela, e xuntos desentrañarán o misterio que envolve o pasado de Primitiva, que se agocha tras dun mangado de cartas e unha pandeireta.
Agora que vén a noite vai construíndo, elo a elo, unha cadea que une o presente coa tradición. Unha cadea que debemos coidar e reivindicar, coa palabra, co cante e co toque. Unha celebración da nosa cultura popular e das mulleres que a conservaron en tempos escuros e incertos.
Marcos Calveiro comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil. Neste campo recibiu numerosos premios e recoñecementos.
Montse e Felisa, con outras compañeiras, conformaron o grupo Leilía en 1989. Cunha aposta pioneira, propuxéronse recuperar do esquecemento a tradición oral galega e foron quen de levar por primeira vez aos palcos un espectáculo que, ao son de pandeiretas e voces, acompañaron con instrumentos da vida cotiá, como se facía nas aldeas galegas cando se xuntaban as mulleres para se divertiren. Montse e Felisa son recoñecidas investigadoras e mestras que pasaron anos recollendo cantigas tradicionais polo máis recóndito de Galicia da man das vellas cantareiras, e foron as primeiras en reivindicalas, en especial a homenaxeada das Letras, Eva Castiñeira, da que no disco Consentimento (2012), de Leilía, gravaron unha xota e dúas muñeiras, dende a consciencia de que, coma tantas outras mulleres creadoras e artistas, non obtivera en vida o recoñecemento merecido.
Duración: 50 minutos