Presentación arredor de “Economía e poesía: Rimas internas”, en Santiago de Compostela

Categoría: Blog

O mércores 4 de decembro, celebrarase, ás 18:30 h, na Fundación Eugenio Granell, a presentación de Economía e poesía: Rimas internas, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2024, de Yolanda Castaño.

Acompañando a autora, estará Lucía Aldao, poeta.

Economía e Poesía: Rimas internas establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.

Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.

Tras trinta anos de traxectoria e unha carreira internacional, unha das poucas figuras que experimenta o que é vivir deste xénero tira conclusións ao fío do vivido, e abre debate no que é o seu primeiro volume de ensaio.

Unha reflexión que tamén convida a unha ollada cómplice dende calquera oficio creativo ou cultural.

YOLANDA CASTAÑO (Santiago de Compostela, 1977) é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha premiada xestora cultural coa súa Residencia para Escritores/as na Coruña. Dende 2009 dirixe obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos de poesía. Conta no seu haber con múltiples premios, entre os que destacan os Premios Nacionais da Crítica (1998 e 2022), Espiral Maior 2007, Ojo Crítico 2009, Fundación Novacaixagalicia, González-Garcés de Poesía, “Galega do Ano 2023”, o Premio da Cultura de Galicia e o Premio Nacional de Poesía 2023.

Publicou varios poemarios individuais, edicións bilingües (galego-castelán) e en inglés, francés, catalán, italiano, serbio, macedonio, esloveno e armenio, plaquettes noutros tantos idiomas, antoloxías e libros de poesía infantil, entre outras moitas obras.

Recibiu varias bolsas como Escritora en Residencia no estranxeiro, mostrou o seu traballo en múltiples países e, en colaboración con outros/as artistas, desenvolveu experiencias que fusionan a escrita con outras linguaxes creativas: plástica, música, arquitectura, danza, audiovisual, cómic, cine en 360o ou mesmo coa cociña.

Na Editorial Galaxia publicou títulos para público infantil como Cando eu saiba ler, ilustrado por Xosé Tomás; Punver, e Punver de volta, ilustrados por Eduardo Hermida. En 2011 publicou xunto con Andrea Costas, Cociñando ao pé da letra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email