O xoves 9 de xuño, celebrarase, ás 19:30 h, en Afundación de Santiago de Compostela, a presentación de A luz co tempo dentro, de Xesús Rábade Paredes, organizada polo Ateneo de Santiago.
Acompañando o autor, estará a cineasta, docente e conselleira da Editorial Galaxia, Margarita Ledo Andión, e Pilar Sampedro, secretaria do Ateneo de Santiago.
A luz co tempo dentro, de Xesús Rábade Paredes, é un libro singular e personalísimo que reflexa as memorias dun dos escritores máis importantes de Galicia.
“En certo modo fun sempre un escritor contracorrente, sen concesión a oportunismos, moito menos a modas. Tiven, si, fidelidade obsesiva e consciente a temas e actitudes que deciden por un, ou ben que un non decide, caso da opción irrenunciable á lingua, que usei, promovín e cultivei co esixido decoro”, así comeza Rábades, o primeiro capítulo do libro, “Soleira”, que é toda unha declaración de intencións.
Publicado na colección Memoria, esta obra pode lerse coma un constante balanceo entre dúas realidades que interpelan e que nos mobilizan. A pulsión e revelación da existencia, por un lado. Polo outro, a poderosa sede de plasmarse e autorrealizarse nos planos da ficción. Sempre máis próximo da terra que se pisa que da entelequia de ceos arelados, o autor é consciente de que unha elevada porcentaxe da xente apenas pode satisfacer a fame, collida na cadea de patróns invisibles, de estafadores que ninguén controla, de escravistas sen freo e de negreiros que a axeonllan e a atan á ruína.
O escritor sintoniza nestas páxinas cun grupo dos mellores intérpretes da terra e non casualmente aduce referencias de temas e de autores, da man dos cales, con reiteración, confesa: “O voluntario regreso ao ser da terra, a ese natural ritmo do tempo e das sazóns, significou acaso a etapa máis serena, harmoniosa e fecunda da miña singradura. Como unha recalada cando esa hora de ir recollendo velas se aveciña”.
Xesús Rábade Paredes (1949), profesor xubilado de Lingua e Literatura, comezou a traballar de carteiro e estivo un tempo en Berna (Suíza) traballando nos anos setenta. Iniciouse moi novo no oficio da escritura con “Xuntos cara o mañán” (1969).
Literariamente ten cultivado o ensaio, a narrativa e a poesía. Comezou moi cedo a súa carreira literaria e figura na antoloxía “Os novísimos da poesía galega”. Traballou en tarefas de normalización lingüística e cultural: formación do profesorado, reforma educativa, elaboración de textos e material escolar, publicación en prensa de numerosos artigos, algúns recollidos en libro, sobre a situación social da lingua. De 1992 a 1995 foi Coordinador Docente de Lingua galega.
En 1977 subscribe o manifesto poético renovador Cravo Fondo. Autor de dilatada traxectoria, cultiva a lírica, a narrativa, o ensaio e a tradución. Conta, entre outros recoñecementos, cos premios Manuel Antonio, Galicia da Universidade de Santiago, Esquío, Álvaro Cunqueiro e Blanco Amor. Unha parte esencial da súa obra foi publicada pola Editorial Galaxia: “A terra prometida”, “Saraverde”, “Branca de Loboso”, “As sombras do Barroco”, “A palabra secreta”, “Mentres a herba medra” e “Memoria do corpo”.