Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia “Discoteca Atlántica. 100 discos galegos (1970-2020)”, de Marcos Gendre.
Cunha portada deseñada pola ilustradora Pepa Prieto Puy, o autor achega ás lectoras e lectores, nesta reportaxe, a unha travesía polo labirinto identitario da vangarda musical galega.
“Neste apaixonante volume atopamos discos que crearon na escola e definiron estilos, discos premiados e supervendas fronte a discos descoñecidos polo gran público que para moitos son discos de culto e fundamentais no desenvolvemento da música no país. Aquí hai discos que salvaron moitas vidas. Porque, en moitas ocasións, a música é o mellor salvavidas, a mellor medicina para o corpo e a alma”. Así comeza o prólogo do libro, da man do profesor, xornalista e escritor Fernando Fernández Rego.
Esta obra pon en valor a música galega, fomentando a súa divulgación. Estuda, dende fenómenos como Andrés do Barro ata Malandrómeda, o panorama musical imperante no país, analizando os pioneiros que sentaron as bases, e o prolífico presente musical do que goza a nosa terra.