Inauguración de “Bebedeira de ensoños”, en Ourense

Categoría: Blog

O luns 6 de xuño, celebrarase, ás 19 h, na Biblioteca Pública de Ourense, a inauguración da exposición Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños, dedicada a Florencio Delgado Gurriarán, comisariada por Ricardo Gurriarán.
Esta exposición é un proxecto da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no ano das Letras Galegas 2022 dedicado a Florencio Delgado Gurriarán, coa colaboración do Concello do Barco de Valdeorras.
No acto, participarán Rosa Mª Díaz, directora da Biblioteca Pública de Ourense Nós, Ricardo Gurriarán, biógrafo, comisario e representante da familia de FDG, Antón Vidal Andión, presidente de Editorial Galaxia, Armando Ojea Bouzo, tenente de alcalde de Ourense, e Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
Agradécese confirmación nos teléfonos: 981 544 813 – 881 995 501 – 881 999 738
ou no enderezo electrónico secretaria.xeral. cultura@xunta.gal
Os asistentes deben presentarse antes das 18:45 horas.
A Editorial Galaxia produce para a Xunta de Galicia, baixo o comisariado de Ricardo Gurriarán, familiar do persoeiro recoñecido en 2022 co Día das Letras Galegas, a gran exposición Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños.
Con carácter informativo e didáctico, divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, e unha selección de obxectos persoais do autor, cedidos pola familia para esta exposición.
Os paneis repasan a traxectoria vital e biográfica do autor homenaxeado, permitíndolle ao espectador asistir a unha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Florencio Manuel Delgado Gurriarán.
Por outra banda, o acceso a unha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo, como Otero Pedrayo ou Castelao; borradores de poemas, que logo remataron nos seus libros, publicacións orixinais, que permitirá un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria.
Esta iniciativa súmase ás publicacións da autoría do homenaxeado, coas que Galaxia contribúe no labor dar a coñecer máis o seu imaxinario persoal: Bebedeira, Galicia infinda, O soño do Guieiro ou a, recentemente publicada, Antoloxía poética, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro. Ao mesmo tempo que os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999 e agora recuperado por Galaxia.
Estas obras, completan a aproximación á vida e obra do poeta, xunto con Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email