Diego Giráldez presenta a súa nova novela este venres en Vigo

Categoría: Nova

Este venres, o escritor Diego Giráldez presenta a súa nova novela O meu sangue na Libraría Cartabón de Vigo, ás 20:30 h, e estará acompañado pola escritora Anna R. Figueiredo.
Durante a presentación, os autores conversarán sobre a que é a novela máis persoal do escritor. Un libro que gardou nun caixón durante 2 anos, que viu a luz a principios deste mes de maio e que xa está a obter comentarios moi satisfactorios tanto do público como dos críticos, que chegaron a dicir de O meu sangue cousas como que “é unha das grandes novelas do ano”, que “con esta novela o autor sae do cómodo e sobe a aposta” ou mesmo “que é unha lectura moi recomendable e estimulante”.
En O meu sangue, Diego Giráldez compón un gran tapiz que nace da intimidade dun corazón desafiuzado que loita por recompoñerse. O meu sangue é unha intriga que nos arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.
Podedes ler o primeiro capítulo da novela premendo aquí.
Diego Giráldez (O Porriño, 1976). Exerceu o xornalismo en distintos  medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras,  colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra e Xornal  de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na  actualidade, faino co diario dixital Praza Pública e a revista Luzes.  Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e escribiu libros  relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.
En 2016 publicou o libro de relatos curtos “Galería de saldos”, o seu  primeiro traballo de narrativa, polo que foi elixido “Autor galego do  ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019 publicou en Editorial  Galaxia a novela “Hotel para coleccionistas discretos” e participou nas obras colectivas “O libro dos trens” e “A secreta melancolía da garza”  (Galaxia, 2019).
Entre os galardóns que recibiu destacan o Premio Literario José Saramago  de relato curto (2010), o primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo (2015) e o Premio Literario  Manuel Murguía (2016). En 2020 quedou finalista do XVII Premio de  Xornalismo Francisco Fernández del Riego.