O xoves 28 de xullo, celebrarase, ás 19:30 h, na librería Lume da Coruña, a presentación de “A cidade dos Césares”, de Víctor F. Freixanes, inscrita no ciclo ‘Un Torrente de Conversas’, con motivo da conmemoración do 30º aniversario da publicación do libro, gañador do Premio Torrente Ballester 1992.
O acto será presentado pola escritora Bibiana Candia, membro do xurado da nova edición do Premio Torrente Ballester.
A Editorial Galaxia vén de recuperar, nunha nova edición preparada polo seu autor, a novela coa que Víctor F. Freixanes conseguía o Premio de Novela Torrente Ballester hai 30 anos. O premio comezara uns anos antes pero a novela de Freixanes foi a primeira en lingua galega merecente de tan prestixioso galardón. Co gallo do seu 30 aniversario, a Editorial Galaxia publica unha nova edición preparada polo escritor que engade unha nota previa que contextualiza o libro dende moitos puntos de vista.
“A cidade dos césares” é unha obra clásica da narrativa en lingua galega, polo que merecía esta revisitación literaria e comezar circular de novo polas mesas de novidades das librarías. En palabras do seu autor, na nota introdutoria:
“Trátase dunha historia, que invita a viaxar polos feitos a través da memoria dun defunto, unha sombra que revisa o pasado e o reconsidera coma unha longa confesión, en certa maneira unha íntima e desconsolada purga. A historia narra acontecementos certos que sucederon contrafinais do século XVIII, entre 1776 e 1783, mais cun segundo plano narrativo, case que a xeito de espello, en 1885, data en que os exércitos arxentinos do xeneral Lorenzo Vintter chegan ás barrancas de Carme de Patagones, á beira do río Negro, cerrando un dos capítulos da chamada Campaña do Deserto. Entre estas dúas referencias, cun intervalo de cen anos, móvese o relato. A base principal vén documentada no que os historiadores denominan a Expedición das Familias: homes, mulleres e crianzas que parten do peirao do Parrote, na Coruña, enviados pola coroa de España para poboar asterras do sur da provincia de Buenos Aires, terras inhóspitas que en parte empezaba a disputar Inglaterra, logo que os británicos se visen obrigados a abandonar as colonias do norte do continente. O control dos pasos do sur, moi principalmente os que levaban ao océano Pacífico, e o que moitos chamaban o Camiño de Valdivia, eran rutas cobizadas e inexploradas, arredor das que durante anos foron tecéndose numerosas lendas, semellantes a El Dorado, entre elas a que dá título á novela: a Cidade dos Césares. ”.
Por outra banda, sinala Freixanes que:
“A Cidade dos Césares é a primeira crónica novelada da presenza dos galegos naquela parte do mundo. Galegos, asturianos e maragatos”.