O luns abrirase a matrícula para os novos obradoiros da Escola de Letras

Categoría: Nova

O luns 1 de agosto, ás 8:00 h, abrirase o prazo de inscrición da Escola para o Obradoiro Literario con Diego Giráldez, en Vigo, e o Obradoiro Literario con Anna Figueiredo: Escribir. Xéneros, técnicas, temáticas…, en Pontevedra.

Despois do grande éxito dos obradoiros que inauguraron a terceira edición da Escola, volve a estar dispoñible o prazo de matrícula para todas e todos os amantes da palabra, interesados en aprender e conectar con outros amigos das letras, asistindo a clases con algunhas das voces literarias máis importantes do panorama galego actual.

Para formalizar a matrícula é imprescindible enviar un correo electrónico a escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando:
-Nome completo da alumna/o.
-Correo electrónico.
-Número de teléfono.
-No ASUNTO e no CORPO do correo hai que sinalar o obradoiro, cidade e docente, no que se quere un matricular, por orden de preferencia.
A inscrición formalizarase por estrita orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo de cada curso. Terán preferencia as persoas que non participaron en ningún obradoiro anteriormente.
Todas aquelas persoas que non cheguen a tempo para inscribirse nos obradoiros con Diego Giráldez Anna Figueiredo, poden enviar un correo solicitando acceder á lista de agarda. En caso de baixa dalgún participante, entraremos en contacto con todas as persoas interesadas, por orde de lista, ofrecéndolles a posibilidade de acceder ao curso.
De seguido, vai a relación dos obradoiros e as cidades nas que se celebrarán. O obradoiro que se impartirá na sede da Deputación en Vigo será en horario de 18:00 a 20:00 h, agás o de Anna Figueiredo, en Pontevedra, que será de 19:00 h a 21:00 h.
OBRADOIRO LITERARIO CON DIEGO GIRÁLDEZ EN VIGO
Días: 13, 20 e 27 de setembro; 4 e 11 de outubro
OBRADOIRO LITERARIO CON ANNA FIGUEIREDO EN PONTEVEDRA: ESCRIBIR. XÉNEROS, TÉCNICAS, TEMÁTICAS…
Días: 19 e 26 de setembro; 3, 10, 17 e 24 de outubro; 7 e 14 de novembro
Dende a Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra, a partir do mes de setembro, abriremos o período de inscrición para o derradeiro curso desta edición, con Elvira Ribeiro Tobío. Anunciaremos as datas de matriculación dos mesmos a través da nosa páxina web e redes sociais.
OBRADOIRO DE POESÍA CON ELVIRA RIBEIRO EN PONTEVEDRA
Días: 18 e 25 de outubro
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia é a primeira de Galicia e un dos poucos proxectos deste tipo existentes no Estado español. A iniciativa, que naceu o pasado ano 2020, busca fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun variado abano de obradoiros , de novela, relato ou poesía, para todas as idades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email