Presentación de “50 aniversario. Fuxan os ventos. Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío”, na Coruña

Categoría: Nova
O martes 20 de xuño, celebrarase, ás 20 h, no local Cántigas da Terra, en Coruña, a presentación de 50 aniversario. Fuxan os ventos. Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío, de Mero Iglesias
 
Acompañando o autor, estarán Xulio Xiz, xornalista; Pilar Martínez Conde, profesora, psicóloga e cantora; Miro Casabella, cantor e profesor; Xosé Quintas Canella; cantor.
 
O acto contará coa interpretación musical da Escola de Zanfoñas de Cántigas da Terra, que imparte e dirixe Miro Casabella.

Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío, de Mero Iglesias, é o libro encargado de festexar 50 anos de música e cultura, un verso en homenaxe e lembranza de amizades cantoras.

Iglesias quixo reflectir as súas memorias, dos 50 anos de Fuxan os Ventos e da música daqueles anos importantes da recente historia de Galicia nesta publicación. 50 anos de sementar.

O autor, recoñece ao comezo do libro que “o entendemento do pasado é complicadísimo. Eu recoñezo que tamén estiven equivocado e tamén pensei que despois dun feito feliz, viña máis felicidade. Case nunca é certo. A felicidade é excepcional e, na fráxil lembranza, desaparece pronto. É unha arma esperanzada de supervivencia, como unhas vitaminas que nos poñen eufóricos e despois traen detrás unha cadea de insatisfaccións. Lección que nos aprende a gozar do presente, é esta unha lembranza fértil para revivir ecos que quedan flotando no aire”

Un libro imprescindible para entender a memoria musical do país. 

Mero Iglesias (Vilalba, 1951). Titulado en Maxisterio, formou parte do grupo Fuxan os Ventos dende a súa fundación en 1972 ata 1983, para despois, con Xosé Luís Rivas (Mini), formar A Quenlla (1984), grupo no que segue activo, en proxectos, concertos e gravacións. En 2007 cede todas as súas recompilación de campo —Cantos, recitados, lendas, contos, bailes, etc.— ao Museo do Pobo Galego para seren dixitalizadas e formar parte do Arquivo do Patrimonio Oral e Inmaterial de Galiza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email