Galaxia publica “Os ollos do irmán eterno”, de Stefan Zweig, en banda deseñada

Categoría: Nova

Editorial Galaxia trae ao galego a novela do austríaco Stefan Zweig, un clásico da literatura, que xa está dispoñible en formato banda deseñada.

Adaptada por Borja Dierez, este é o debut do ilustrador no mundo da novela gráfica. Tomando como referencia a orixinal Die augen des ewigen Bruders. Eine Legende, de Zweig, Os ollos do irmán eterno é unha alfaia rescatada das cinzas dun século, escrita en forma de lenda oriental, contextualizado moito antes dos tempos de Buda, narra a vida do seu protagonista, Virata.

O protagonista, un home xusto e virtuoso, é o xuiz máis célebre do reino, que despois de vivir en primeira persoa, voluntariamente, a condena das tebras destinada aos asasinos máis perigosos, descobre o valor absoluto da vida e recoñece nos ollos do irmán eterno a imposibilidade intrínseca de todo acto xudicativo.

Este libro amosa que as decisións acertadas nacen de sintonizarnos co noso corazón. Escoitar o seu silencio como un mandato fronte ás mil voces do mundo, denota a presenza dunha intelixencia que nos conducirá inevitablemente, de ser mantida coa forza da vontade, á sabedoría. A unha paz cimentada no valor da coherencia entre pensamento e actos.

Stefan Zweig, nado en Viena o 28 de novembro de 1881 e finado en Petrópolis (Brasil) o 22 de febreiro de 1942, foi un escritor, biógrafo e activista social austríaco.

Foi moi popular nas décadas de 1920 e 1930, e as súas obras foron das primeiras en protestar contra a intervención de Alemaña na segunda guerra mundial. Escribiu principalmente novelas, relatos e biografías, e cultivou tamén o teatro, o xornalismo e o ensaio. Das biografías, son particularmente coñecidas as de María Estuardo e a de Fouché, unha peza metade biografía e metade novela histórica.

Comparte nas túas redes sociais ou por email