Este xoves, na librería Bahía de Foz, a cantante Najla Shami presentará o seu libro-disco 'Na lingua que eu falo'.
No acto participarán Xurxo Nóvoa Martíns, poeta e prologuista da obra, Arturo Ponte en representación da Editorial Galaxia, e a cantante Najla Shami, quen interpretará, en formato acústico, algúns dos temas presentes no libro-disco, unha obra na que a cantante compostelá de orixe palestina lle rende unha homenaxe a Rosalía de Castro traéndoa á actualidade e reivindicando a súa obra para as novas xeracións.
En "Na lingua que eu falo", Shami reinterpreta sete poemas da autora de "Cantares gallegos", e inclúe ademais dúas composicións realizadas co poeta Xurxo Nóvoa e unha revisión de "Negra sombra".