Mañá martes, Miguel Anxo Fernández presentará a nova aventura do detective Frank Soutelo, 'Bícame, Frank'. O autor estará acompañado pola actriz Uxía Blanco e o director de edicións de Galaxia, Carlos Lema, na librería Andel de Vigo ás 20.30 horas.
Sobre o protagonista da serie de novelas creadas por Miguel Anxo Fernández, comentaba o crítico literario Ramón Nicolás no seu blogue 'Caderno da Crítca': "un investigador solidamente deseñado que foxe de estereotipos actuando como protagonista e "marca" inevitable, exhibindo, se se quere, unha filosofía peculiar e intransferible alén do asunto argumental que se recree. Así, calquera que se achegue a estas páxinas vai verse mergullado, a través dun ritmo trepidante que percorre diversas vilas e cidades galegas, na
resolución dun caso que no fondo son varios, onde manuscritos e papiros se dan a man con intereses e actividades ilícitas onde nunca se perde de vista o ocasión de deitar esa ollada crítica á realidade que vivimos no noso tempo".