Este martes presentaremos en Vigo, a cidade da poeta María do Carme Kruckenberg, a biografía escrita por Mercedes Queixas Zas, 'Vivir, unha aventura irrepetíbel'. No acto participan Iolanda Veloso, concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, o editor e escritor Francisco Castro, a autora, Mercedes Queixas, e Mª do Carme Kruckenberg.
O libro, escrito brillantemente por Mercedes Queixas Zas, cunha paixón narrativa á altura da paixón vital da biografada, recolle a memoria da poeta, o seu testemuño persoal, acompañado da documentación que ata o de agora permanecía agochada no papel amarelecido dos xornais e das cartas. Coa liberdade como máxima vital, a protagonista deste libro atravesa o tempo da Guerra Civil, a experiencia amorosa, a maternidade e os anos de aprendizaxe en América. A carón da vocación literaria xorde a amizade con membros da xeración poética española do 27 e as horas compartidas con moitos dos escritores e artistas galegos do seu tempo.
Unha biografia que, estamos certos, vai dar moito que falar.