Inauguración da exposición NO NIÑO NOVO DO VENTO

Categoría: Nova

Este venres tivo lugar no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo, a inauguración da mostra 'No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro', produción de Merlín Comunicación, do Grupo Editorial Galaxia e que será dalgunha maneira o pistoletazo de saída para as moitas mostras de homenaxe que durante este 2011 vai recibir o autor de Mondoñedo.

Editorial Galaxia, Fundación Penzol e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Mondoñedo, presentan esta exposición conmemorativa do centenario de Álvaro Cunqueiro, que se poderá visitar en Mondoñedo ata o 18 de maio para continuar logo o seu percorrido polas sete cidades galegas.

A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, está composta por 16 paneis nos que se fai un percorrido pola vida e a obra de Álvaro Cunqueiro. En 8 vitrinas preséntase unha seleccion bibliografica da súa obra galega e castelá ademais de traducións a linguas extranxeiras, unha pequena selección da súa obra xornalística, e unha escolma de prensa sobre as distintas etapas da súa vida. As vitrinas compleméntanse cun escollido fondo documental.
A mostra conta ademais cun espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel que recrea o estudio de Cunqueiro con figuras a tamaño natural do mago Merlín, e de Felipe de Amancia, personaxes da súa obra 'Merlín e familia'. No aspecto audiovisual preséntanse distintos documentais sobre o autor, entrevistas e gravacións sobre montaxes de obras teatrais de Cunqueiro. Hai tamén dous puntos interactivos con informacion bio-bibliográfica.

Comparte nas túas redes sociais ou por email