Galaxia nos Mestre Mateo

Categoría: Nova

Este domingo, no Auditorio de Ourense, fállanse os Premios Mestre Mateo. A nosa Editorial asistirá chea de ilusión pois é finalista, con dúas obras, na categoría de Mellor Obra Interactiva, concretamente polo Proxecto Contoplanet e pola aplicación para iPad de 'O soldadiño de Chumbo'.
Precisamente, o resto dos contos de Contoplanet subíanse estes días á tenda de App Store, sumándose así ao que de momento sigue de balde, o libro de Fina Casalderrey 'Puag, que noxo!'. Deste xeito, e por só 1.59 euros, calquera persoa do mundo que posúa un iPad ou un Iphone, poderá mercar por ese simbólico prezo o resto dos títulos 'Quen son?' de Alicia Borrás, 'Conto para non comer', de Oli, 'Voces na lagoa do espantallo' de Xan López Domínguez e 'Un can no piso' da xa citada Fina Casalderrey.
Por outra banda, a outra nominada, 'O soldadiño de chumbo' pode adquirirse completamente de balde na tenda de App Store.
Con esta proposta dixital, a nosa editorial confirma a súa crenza na necesidade de editar novos produtos na liña das tendencias que vemos que se asentan neste século XXI onde a literatura xa é electrónica, conscientes como somos de que a lingua galega ten que estar, tamén, presente nestes novos foros de modernidade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email