A literatura galega estará en Buenos Aires

Categoría: Nova

A XXXVII edición da Feira do Libro de Buenos Aires, a máis importante de Latinoamérica, conta este ano cunha importante presencia de editoriais galegas que presentan as súas novidades. Ao tempo, haberá unha importante cantidade de actividades pensadas para a promoción das nosas letras na capital arxentina. Sen ir máis lonxe, hoxe presentarase ás 20:30 h, na sala Alfonsina Storni da propia feira, o libro de María Rosa Lojo, 'O libro das Seniguais e do único Senigual'. Ademais da autora e da ilustradora, Leonor Beuter, participará o escritor e director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.
A Feira de Buenos Aires esperta sempre un grande interés entre os galegos residentes alí. Mais, este ano, a cita gaña en dimensión ao ter sido declarada Buenos Aires, 'Capital Mundial do Libro'.
A delegación galega consiste nun espazo expositor no que 15 editoriais de nós poderán amosar o mellor da súa produción. No caso da nosa editorial, o protagonismo será grande, pois ademais da xa citada presentación, o actor Cándido Pazó porá en escena o seu monólogo arredor das 'Memorias dun neno labrego' de Xosé Neira Vilas, libro do cal este ano andamos a celebrar o medio século da súa publicación.

Comparte nas túas redes sociais ou por email