Presentación da Biblioteca ESAD Textos

Categoría: Nova

Este acto para os medios de comunicación contou coas seguintes intervencións: Marisol López Martínez, secretaria xeral de política lingüística, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática.

En colaboración coa ESAD e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de FP e Ensinanzas Especiais, Editorial Galaxia tira do prelo unha nova colección na que os grandes autores e as obras fundamentais do teatro contemporáneo se traducen por primeira vez de xeito sistemático e acompañados dun estudo introdutorio previo realizado por un especialista.

Por mor desta iniciativa, os lectores poden ter nas súas mans Calígula e O malentendido, dous textos fundamentais na traxectoria do Albert Camus dramaturgo. O Premio Nobel de Literatura de 1957, ben coñecido por obras como O estranxeiro e A peste, tamén é un dos grandes autores teatrais franceses. Nestas dúas pezas presenta temas fundamentais como o exercicio do poder ou a cobiza, que se vinculan coa dimensión máis perversa da condición humana. Dous títulos nos que se deixa sentir o peso do absurdo dunha existencia dominada polo baleiro e a ausencia de significado.

Outro Premio Nobel e un dos grandes dramaturgos norteamericanos do século XX, Eugene O’Neill, que estivo vinculado desde mozo ao teatro independente, foi un dos iniciadores do teatro realista que vai caracterizar a creación dramática dos Estados Unidos de América no século XX, aínda que tamén incorporou tendencias como o simbolismo e o expresionismo. Na obra agora publicada, A Electra acáelle o loito, O’Neill recupera unha das historias da Ilíada de Homero para trasladala a un país convulso por unha guerra civil. A sociedade puritana e tradicional dos EUA.

E un terceiro autor entra a formar parte desta serie Textos da Biblioteca ESAD, trátase de Juan Mayorga, un dos mellores expoñentes do teatro contemporáneo español. Autor xa cunha obra abundante, posúe o Premio Nacional de Teatro de 2007 e Premio Max ao mellor autor dramático de 2006 e 2008. A súa obra está traducida a diversos idiomas e representouse en Europa e América. No volume agora publicado inclúense tres pezas: Cartas de amor a Stalin, Himmelweg e A paz perpetua. Nelas explóranse diferentes rexistros a partir da utilización de variados recursos dramáticos. Tres obras nas que se abordan cuestións éticas de actualidade coma a tolerancia e a liberdade cun novidoso ton poético.

Comparte nas túas redes sociais ou por email