Nun escenario que recreaba unha estación de tren, para transmitir ao público presente a idea das viaxes que enchen a vida e a obra do autor, ocuparon os seus bancos Alberto Piñeiro, coordinador de Barbantia, Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, Rosa Aneiros, escritora, e o autor, Xerardo AgraFoxo.
Carlos Lema presentou a obra e comentou o feito curioso de que el foi o editor das primeiras novelas dos dous escritores que o acompañaban. Rosa Aneiros e Xerardo AgraFoxo mantiveron un interesante diálogo no que a primeira cuestionou o autor sobre os temas clave da novela: literatura, amor e viaxes. Tamén nos desvelaron outro factor que inflúe na escrita de AgraFoxo: a chuvia. O autor tivo que recoñecer que, efectivamente, só escribe cando chove.
Ao remate do acto, Xerardo AgraFoxo adicou un bo anaco a asinar libros para os seus lectores.