O gremio editorial galego celebrou este serán en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores.
O evento, que conta coa colaboración de CEDRO, da Deputación de Lugo e de GADISA, tivo lugar no auditorio da Deputación de Lugo, e nel participaron o presidente da Federación de Gremios de Editores de España, Antoni Comas, o secretario xeral da federación, Antonio Mª Ávila, o secretario xeral do Gremi de Editors de Catalunya, Segimón Borrás, e o presidente de ANELE, José Moyano.
O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo.
Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores no Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía e teatro, 'Estremas', de Ana Romaní e o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010 foi para Xosé Neira Vilas.
Dous recoñecementos importantes para dous autores da nosa editorial.