Inma López Silva gañou o Premio Blanco Amor 2007, organizado nesta edición polo Concello de Lugo, pola novela Memoria de cidades sen luz, na que recupera a época da Guerra Civil e o florecemento de galeguismo histórico na Coruña dos anos 30. Convértese así na terceira muller en obter este premio, tras Ursula Heinze e Dolores Ruiz. A obra, como nas últimas edicións do premio, será publicada por Editorial Galaxia.
O escritor Xosé Maria Álvarez Cáccamo é o gañador da XVII edición do premio Irmandade do Libro ao mellor autor do ano, concedido pola Federación Galega de Libreiros. En Galaxia vén de publicar o poemario Vento de sal, e nestes días vai saír da prelo Tempo do pai, un libro de memoria sobre o seu pai, o escritor e editor Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Helena de Carlos recibiu o Premio da Crítica Española, concedido pola Asociación Española de Críticos Literarios, no apartado de poesía, pola súa obra Vigo, publicada por Editorial Galaxia, en palabras do xurado "escrita nun verso elegante e equilibrado onde o tempo e a memoria son dous elementos moi presentes".