As Árbores de Galaxia están repletas de froitos este ano. Novos libros para todos os banzos lectores, pero tamén libros de sempre que recuperamos en novo formato, como é a volta dun dos personaxes literarios máis populares das nosas letras: Ramón Lamote. Vintetres anos despois daquela primeira descuberta: Das cousas de Ramón Lamote, coa que Paco Martín gañou o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que recibiron as nosas letras (1986), o autor presenta na colección Árbore (Galaxia) novas andainas do celebrado personaxe.
Tamén os primeiros lectores están de noraboa. Editorial Galaxia vén de publicar e distribuir nove títulos da colección Árbore Os Duros, para os máis pequenos da casa, dalgúns dos autores e ilustradores máis significativos da edición infantil en Galicia. A proposta de álbumes ilustrados de Galaxia xunta aspectos difíciles de atopar noutras iniciativas do sector: calidade de textos e ilustracións, formato e resolución editorial atractivos, suxestivas temáticas e aposta pola obra de autores e ilustradores galegos, unha das liñas que identifican esta colección, probablemente a única do panorama galego que cumpre fielmente con esta máxima e que, polo tanto, se está a converter nun verdadeiro espazo de promoción e experimentación do álbum ilustrado propiamente galego.