O pasado sábado, no Liceo de Ourense, celebrouse a gala anual da Asociación Galega de Editores. Entre os galardoados, dous libros da nosa editorial.
Por unha banda, Alberto Lema, que xa hai un ano sorprendera co seu 'Unha puta percorre Europa' alzábase co Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción por 'Sidecar'. Con este galardón, Lema alicerza unha máis que sólida carreira literaria que, sen dúbida, ha deixarnos no futuro moitos máis textos ben cheos de interese.
Por outra banda, e no apartado Premio Lois Tobío ao Libro Traducido, o premio foi parar ás mans de Eva Almazán, polo seu traballo a partir dos 'Contos completos' de Edgar Allan Poe que a nosa editorial vén de publicar recentemente en dous tomos.
Dous premios para recoñecer o traballo ben feito e que serven, tamén, para marcarnos un camiño editorial, aquel que aposta polos textos de calidade, polo labor ben feito, coidado e ambicioso.