"Non é doado traducir o título do galego", explicou o autor. "Un ninguén non é exactamente un Don Nadie, que diríamos en castelán. Un ninguén é unha persoa moi consciente da súa continxencia, da súa relatividade diante do mundo, tamén da súa capacidade para situarse no concerto da condición humana".
Xosé Manuel Beiras e Dolores Vilavedra acompañaron ao autor na presentación do seu libro, na librería Couceiro, en Santiago. ¿Libro de memorias? Non exactamente, aínda que o autor recoñece que hai nel moito de autobiográfico, "pero máis ben a autobiografía dun tempo, case diría que dunha xeración, a dos que hoxe estamos na fronteira dos 70 anos e que vivimos un período histórico moi concreto, moi escuro, que non é doado explicarlle ás novas xeracións, aos meus netos, por exemplo".
Con humor, con eficaces recursos lingüísticos e estilísticos, con filosofía e unha extraordinaria capacidade de observación, o autor de "Non somos inocentes" e de "Bieito Bieito", profunda na súa experiencia vital, mesmo xeracional, e viaxa a través do tempo: dende a guerra civil, que viviu con ollos de neno, ata os nosos días, "que me miro ao espello polas mañás e digo: xa son un vello". Tal reflexión non nos leva non obstante ao pesimismo, nin á derrota, senón a unhas enormes ganas de vivir. "A felicidade", explicou Mella, "empeza realmente a partir dos 60 anos".