AS RAZÓNS DO GALEGO

Categoría: Nova

A presentación terá lugar ás 20.00 h en Librouro e o autor estará acompañado polo editor Víctor F. Freixanes e o escritor Agustín Fernández Paz.

En As razóns do galego. Apelo á cidadanía, o filólogo e sociolingüista Henrique Monteagudo fai unha chamada á cidadanía galega na que pretende interpelar á opinión pública, intervindo no debate sobre o idioma, un problema de primeira orde en Galicia. Publicado na colección Ensaio, o libro de Henrique Monteagudo é un auténtico diálogo coa sociedade á que se dirixe, de aí que o autor conciba "a problemática lingüística ante todo como unha cuestión social, cultural e política, un asunto de país, e, en definitiva, un desafío para a cidadanía". Nas páxinas de As razóns do galego recóllense escritos e artigos de prensa arredor da situación actual do idioma galego e os debates sociais xurdidos, con especial atención á política lingüística. Trátase dunha apelación á conciencia civil de Galicia nun intre crítico para o futuro da súa lingua.

A sociedade galega atópase perante un dilema fundamental para o porvir: o abandono ou a promoción do seu idioma propio. Henrique Monteagudo ofrece argumentos a prol do galego en nome dunha civilidade compartida, ao tempo que subliña a necesidade da renovación dos discursos en defensa da lingua. Análise, información e opinión reflíctense en As razóns do galego, no que os textos recollidos están escritos con talante crítico pero tamén construtivo. Ofrécense pola utilidade que poidan ter non tanto para elucidar o noso pasado recente (que tamén), senón para repensar e reformular o futuro inmediato.

Comparte nas túas redes sociais ou por email