A última gran novidade do ano

Categoría: Nova

Chega ás librerías galegas Invisible, a nova novela de Paul Auster, que desta volta introduce ao seu protagonista, un estudante universitario con vocación de poeta, nun perverso triángulo amoroso que o vai involucrar nun acto violento que alterará o curso da súa vida.

A nova novela de Auster, publicada en inglés hai apenas un par de meses, foi recibida con entusiasmo pola crítica norteamericana e inglesa. En Invisible recoñécese ao mellor Auster, o dos personaxes engaioladores e a narración con reviravoltas sorprendentes. O narrador manexa como ninguén o suspense e consegue desacougar os lectores cunha imaxinación intelixente e historias sempre inquietantes.

A historia que conta Invisible segue o fío dunha narración en espiral que comeza en 1967, cando Adam Walker, un estudante da Universidade de Columbia que se opón á guerra de Vietnam, coñece nunha festa unha parella de franceses, o enigmático Rudolf Born e a sedutora e silandeira Margot. As relacións deste triángulo perverso van involucrar a Walker nun inesperado acto de violencia que alterará o curso da súa vida. Paul Auster (New Jersey, 1947) apreixa o lector nunha trama novelesca que se espalla desde a década de 1960 ata os inicios do século XXI. Invisible é unha viaxe inquietante polos límites que separan verdade e memoria.

«Unha novela de suspense impecable, intelixente e inquietante» (Donna Seaman, Booklist).

«Posiblemente nos atopamos ante a mellor novela de Auster» (Don McLeese).

Comparte nas túas redes sociais ou por email