Un día, decateime de que internet estaba aí e palpitaba.

Para alguén afeito ao papel, ao galope aceirado dunha máquina de escribir ou ás psicosomáticas caligrafías, ese universo paralelo chamado Rede arrecendía a posibilidade. Tamén a exploración orbital. Co comezo do novo século, asistín primeiro como voyeur a toda esa enxeñería de redes que se tendían, que se penduraban procedentes de fondos abisais a disposición de, como se nos chama, os usuarios.

No 2005 crucei a miraxe. O espello.

Abrín un blog.

A atracción era insoslaiable: queres escribir? O actual sistema de redes sociais permíteche escribir tanto como queiras. Queres ser lido? O actual sistema de redes sociais permíteche ser máisoumenos lido, mesmo que sexa por erro. Non penso que internet, nun mundo real no que o seu acceso aínda é signo de riqueza cultural e, polo tanto, restrinxido, veña a ser a panacea de nada. Con todo, algunhas ideas sentadas e asentadas na nosa cultura comezaban a cambiar de postura, a mutar perante nós, coa propiedade intelectual á cabeza seguida dun séquito de ideas detonadas choutando polos aires: a noción de individuo, a da autoría final dun texto, a da imaxe da muller creando con tecnoloxía ao seu alcance – querida Ada Lovelace, asístenos -, a posteridade, a tradición de texto acabado –internet desprograma en nós esa ansiedade clásica, gestaltiana, de completar o incompleto-. Acostumados xa a vivir en fases 0.1, 0.2, 1.1… o cosmos e tamén a literatura semellan burbullar nun constante estado, e parafraseo a Eduardo Estévez, en construción. Isto último concorda coa idea da cosmoloxía de universos simultáneos en expansión imparable ata a súa morte, detrás da cal xorden outros. E outros. E.

[…]

A multitude de preguntas –moitas delas retóricas- que caen desta árbore en canto a axitamos un pouco, denota a sedución do froito: que é dos escritores hoxe en día? Cal é o estatuto do libro? O libro encerra nun obxecto algo que pode fluír como magma en internet durante eóns? Remata o inacabable? Garante posteridade? O libro en papel custodia o prestixio literario e internet o prestixio do novidoso e popular? Ou é ao revés? Canto durará o que escribamos? Canto duraremos? Serve a literatura entendida como frases unha detrás doutra, entendida como sintaxe, como soporte de ideas e expresións ou habemos recorrer ao manido audiovisual para obter carta de natureza? Como modifica a linguaxe da máquina a nosa linguaxe natural e, por ende, a literaria? Cal é a vixencia da literatura nunha sociedade hiperdixitalizada na que todo lector é tamén escritor?

Hai uns anos, unha editorial rexeitoume unha proposta: publicar textos seleccionados do meu blog, con imaxes e comentarios. Non encaixa en colección ningunha, foi a resposta. Estou certa de que a día de hoxe calquera manifestación cultural que non posúa o seu reflexo –máis ou menos veraz ou distorsionado- en internet é a que semella non encaixar. As cousas mutan ante nós. Podemos ver como medra a herba. Podemos ver como renace trigo nun campo queimado, como cantaba Jacques Brel. A literatura ten unha segunda vida na rede.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR