Independentemente da crise, a nosa literatura é grande. Poderán faltar recursos, pero de imaxinación non imos escasos. Puidera ser que non teñamos todo o apio do mundo no que a difusión se refire. Pero á hora de escribir, os autores e autoras deste país non saben de fronteiras, e tratan todos os temas coa mesma seriedade, oficio e calidade que os de calquera outra literatura. Díxeno unha morea de veces: os escritores galegos non somos mellores que os doutras literaturas, pero tampouco somos peores.

A literatura galega (e non é un tópico sen máis) non ten nada que lle envexar a ningunha outra. A literatura galega é normal, así, coas seis letras, quizais un dos sectores culturais máis normalizados neste país no que tantas cousas -comezando polo uso da lingua- hai que conseguir vivir con normalidade. Para nós, non hai temas vedados. Non hai tramas coas que non nos atrevamos. Que ninguén veña a darnos leccións nese senso porque, insisto, non as precisamos.

Outra cousa é que teñamos que pelexar o dobre que outros para que se nos recoñeza. Mais iso nada ten que ver coa gloria dun verso ben saboroso ou coa fermosura dunha trama novelesca ben artellada.

O noso país, xeograficamente falando, igual é pequeno. Ou todo un universo, quen sabe. Mais, en calquera caso, do que non hai dúbidas é de que a nosa literatura é ben grande. Ela si universal.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR