Para que todo o mundo poida comer ben

Categoría: Nova

Onte, nas instalacións da Casa do Libro de Vigo, a cociñeira Emma Cavallé presentou o seu libro 'Que fácil é cociñar sen lactosa. 84 receitas para alérxicos ás proteínas do leite e con intolerancia á lactosa'.
Nunha sala chea de amigos e público interesado, e despois da presentación realizada polo editor Francisco Castro, tomou a palabra Mari Luz Meijide, amiga da autora e gran coñecedora da problemática, como Emma Cavallé e tantas persoas para quen este libro vai ser de gran axuda, por padecelo alguén do entorno filial. Nun emocionado discurso definiu o libro como 'unha gran axuda e que demostra que a comida pode ser igual de saborosa e divertida que con lactosa. Aquí temos un mollo de receitas que son comida para todos por igual'. Ela explicou como foi evoluíndo a percepción social da problemática, pois 'hai cinco anos, nin sequera había moita información sobre isto, e agora ata as grandes marcas xa nos ofrecen produtos para os intolerantes'. Despois, recurriu a experiencia persoal, compartida por moitos dos que estaban asistindo ao acto, de comprobar 'o triste que é que o teu fillo vaia a un aniversario e non poida comer practicamente nada de nada. Agora, no libro de Emma Cavallé isto se subsana e o neno xa non se vai sentir diferente pola súa circunstancia'.
Rematou o acto coa intervención da cociñeira, que explicou que o libro nacera, un pouco, por unha circunstancia vital relacionada co feito, 'terrible, caéuseme o ceo enriba' de que a súa filla fose diagnosticada como intolerante á lactosa. 'De súpeto pregúntaste: ¿e que vai poder comer?'
No medio dun discurso divertido, celebrado polos asistentes, comentou como dende ese instante 'comecei a facer experimentos, ao primeiro con vexetais, na casa e tamén con moitos dos que estades aquí'.
Rematou a súa intervención salientando que lle gustaría que o libro 'sexa útil para todos os que dalgunha maneira estean na mesma situación na que estabamos nós'.
O acto finalizou coa lectura dun emocionado poema de Mariluz Meijide para a súa amiga Emma Cavallé.

Comparte nas túas redes sociais ou por email