Palabras para Xaime Illa

Categoría: Nova

O 28 de xuño de 1992 recibía Xaime o Premio Trasalba. Moitos de vós estabades alí e lembraredes como ao cantárdeslle "Chámase Xaime" -que os amigos lle dedicastes coa música da Rianxeira- el respostou -cantando co xeito que tiña- coa fanfarria "A Balandra dos Ultreyas", poema de Fermín Bouza musicado polo seu amigo Aquilino Iglesias. Lembrades que dicía: "A balandra dos Ultreya, leva os corazós por vela, navega cara ao Futuro, toda Galicia vai n’ela".
Malpocadamente, nesta exposición non nos coubo toda Galicia, pero si unha parte ben importante e transcendental da súa historia: do seu pasado e mais do seu futuro. A historia pola cal os galegos e galegas somos conscientes da nosa raíz e da nosa utopía como nación, unha nación solidaria e irmandada cos outros pobos de España e con Portugal, e proxectados no noso destino histórico como Europa. Pero aínda máis: esta exposición alenta promover -desde a historia de Xaime- a "construción dunha Galiza nova, nunha humanidade mellor", frase xenial dun mociño Xaime de 16 anos.
E a quen embarcamos nesta balandra dos Ultreya que navega cara ao futuro? Como non a Ramiro Isla, que co seu sorriso de rillote nos olla desde o primeiro dos paneis. Esa fotografía, coa súa man protectora sobre a súa irmá Blanca e a súa nai Manuela, conmoveunos. O irmán maior, coidador, que renuncia aos estudos e emigra a Bos Aires para axudar á familia e para facer de Xaime o galeguista que todos nós coñecemos! E poderedes contemplar a carta –a primeira carta en galego de Xaime- que Ramiro lle devolve corrixida desde Arxentina. Esta xenuína fraternidade fixo do seu epistolario unha escola de galeguismo e humanismo. Sinceramente, a vida debería de agasallarnos a todos cun irmán como foi o Ramiro para Xaime!
E como non, penso en Manuela –nai de dez fillos dos que sobreviviron nove-, e en Don Fidel, todo pimpante co seu uniforme de gala da Garda Civil. Porque, prezados amigos, Xaime naceu en Santiago de Compostela –parecendo vigués de sempre- e naceu no cuartel da Garda Civil, que daquela estaba na praciña de San Miguel dos Agros fronte á Igrexa de San Martiño Pinario. Cousas veredes: fillo dun garda civil republicano e galeguista e que cando mudan a vivir a Vigo no 1923, faise un dos primeiros visitadores médicos da cidade! Había que sacar a familia adiante!
Xaime foi compostelán de nacemento, vigués de raíz, pontevedrés de cidadanía e tivo aldea en Raxó. Todas estes lugares embarcámolos nesta exposición. Como a fermosa acuarela de Raxó que preside a reprodución do seu despacho, cunha dorna, quizais a dorna Katia onde aínda podemos escoitar a voces de Clemente Echeverría, Luis Poza e Benigno Rey –estes dous últimos executados no verán esmagador do 1936-, e tamén as conversas inesgotables de Xaime e Cristina cos amigos na súa casiña "Illa Nova" de Raxó onde tantos pasamos tantas horas cheos de ledicia na compaña dun matrimonio exemplar.
E sobre a mesa do seu despacho, o busto solemne de Don Bosco. Tan só dous anos nos Salesianos de San Matías, no Areal en Vigo, marcaron a Xaime para toda a vida: vocación polo ensino e compromiso no social. E que dicir do tan desexado Instituto de Vigo, casa de ilustres profesores da Institución Libre de Ensinanza, e que habitou un vello edificio na finca da Areosa dos Maristas na aba do Castro. Alí Xaime madureceu como republicano, galeguista e, aínda que non o creades, como líder anticlerical. E convenceu aos amigos e camaradas de galeguismo! Poderedes ver a lista dos rapaces e rapazas da agrupación xuvenil Ultreya de Vigo que coinciden practicamente cos das Mocedades Galeguistas viguesas. E entre eles a nai e tíos da xornalista Pilar Urbano, e –imaxinade a miña sorpresa- un tío do meu sogro!
Destes tempos do Xaime novo, sabemos que todos nós temos unha mágoa: non poder ter compartido co Xaime os tempos de Ultreya! Para curar esta saudade da alma, teredes a oportunidade de tirar unha fotografía coa silueta do Xaime co tríscele vermello dos Ultreyas nunha camiñada ao Monte Alba en febreiro de 1933. Ou tamén poderedes sacar unha foto coa bandeira da liña III de Ultreya de Vigo: o tríscele vermello, o número III da liña, e a ponliña de oliveira que simboliza a nosa cidade.
E de Vigo a Pontevedra. Na Boa Vila, Xaime viviu con paixón o galeguismo: no Café Moderno na tertulia con Castelao, no local do Partido Galeguista con Alexandre Bóveda, en Labor Galega con Filgueira Valverde e Iglesias Vilarelle. Ou na Misión Biolóxica de Galicia na Granxa de Salcedo descubrindo a súa vocación de economista co senlleiro Cruz Gallátegui Unamuno. En Pontevedra estudou para mestre, e alí asinaba todo co seu nome e apelido en galego rematado nunha estreliña de cinco puntos. No seu expediente de depuración e disciplina do Maxisterio non chegou con acusalo de galeguista e separatista e mesmo de esquerdista. Ou como sintetizara o párroco de Santiago O Maior de Vigo: "galeguista furibundo". Aquela sinatura ofendera á dirección da Escola Normal de Maxisterio, como veredes na amoestación que lle envían!
Aínda así, foron tempos de esperanza, do primeiro Estatuto de Autonomía! Unha esperanza que poderedes comprobar no bando que o alcalde republicano de Vigo e mártir da liberdade, Emilio Martínez Garrido, dirixe en galego á cidadanía pedindo o voto afirmativo no referendo do Estatuto do 28 de xuño de 1936.
Mais veu a Guerra! E Xaime combate como artilleiro. E descubriredes o seu labor como correspondente de guerra de El Pueblo Gallego, o xornal manuscrito El Planeta 13 co que logo gañaría un premio do mesmo xornal á mellor crónica de ex-combatente, e coñeceredes a Maruxa Abad, a moza arousá, madriña de guerra de Xaime a quen dedicou Carballo Calero un poema polos seus bucles mortos!
E despois xa vén ,quizais, o que todos coñecemos: a realización no fracaso; a loita na clandestinidade como secretario técnico do Partido Galeguista que acocha o seu arquivo nas oficinas do Secretariado Benéfico Social creado polos Homes de Acción Católica; os estudos de dereito e a aprendizaxe do oficio de avogado a carón doutro alcalde de Vigo, o ilustre Gregorio Espino; o galeguismo público no "Suplemento de los Sábados" do xornal La Noche; o Xaime avogado e asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, Zeltia, conserveiros e madeireiros; e, como non, o Xaime profesor de Economía e Dereito na Escola de Peritos Industriais; e o Xaime impulsor da Editorial Galaxia. Prestade atención á hidra de Galaxia, unha serpe de tres cabezas –Ramón Piñeiro, Francisco F. del Riego, e Xaime- que imaxinei moitas veces entrando na ría entre as Cíes e Cabo Home para seguir dando a batalla pola redención da nosa Terra.
A todos estes amigos e irmáns no galeguismo invitámolos a bordo deste balandro da memoria. Mais durante o mes que estará aberta a exposición, pilotará esta nave, Xaime e ao seu carón Cristina, vencendo as dificultades e os mares rixos. Como cando prenden a Xaime á saída da Misa de Rosalía porque, curiosamente, non se podía cantar autorizadamente máis que o Himno Galego. E imaxino a aquelas xentes no adro de San Domingos de Bonaval transformados en piñeiros rumorosos entoando o "Venceremos Nós!" Porque "nós non temos medo", como dicía este espiritual transformado en himno de resistencia.
Porque precisamente temos que procurar no espiritual a fondura do compromiso de Xaime: a súa fe cristiá, profunda, contemplativa, activa e comprometida deulle forza para superar atrancos, tristuras, a falta de tempo endémica, o perfeccionismo que lle impediu escribir aínda máis. Non podemos comprender a Xaime sen o seu equipo de profetas do Vaticano II –algúns dos cales nos acompañan hoxe. Grazas a eles, Deus –moitas menos veces das que nos gustaría- fala galego na liturxia, nos sacramentos e na vida de comunidade. Unha comunidade de convivencia coa que Xaime soñou para toda a nosa sociedade e que aprendeu dos mestres do personalismo comunitario, como Jacques Maritain e Emmanuel Mounier.
E con este espírito de comunidade e traballo en equipo no que sempre insistía Xaime remato cun agradecemento que uno aos de Manolo. En especial a Xosé, Hayat, David e Noel que transformaron en fermosa exposición, requintado libro e gozoso audiovisual o que só eran ideas e palabras –quizais demasiadas! Tamén a Manolo e Xavier que confiaron en min a pesar de que os seis meses iniciais deste proxecto se transformaron en dezaseis. E a Inhaqui, paciente compañeiro de traballo na xestión do extraordinario desorde creativo do arquivo persoal de Xaime, unha síndrome de Dióxenes do papel que nos agasallou coa conservación da memoria para facerlle xustiza a amigos e irmáns galeguistas! E un agradecemento especial á miña muller e á miña familia, aos que fixen traballar arreo neste proxecto, coñeceron a Xaime intimamente –ano e medio aturándome da para aburrirse- aledáronse coas descubertas, tiveron paciencia e puxeron un granciño de area imprescindible para que hoxe gocemos con Xaime! E xa por último, esta balandra dos Ultreya leva os corazós por vela, e neste meu corazón e coido que tamén nos vosos, alenta o cariño, aprecio e amizade por Xaime e Cristina, que se cadra nos estarán a ollar e acompañar coa ledicia e a paz de quen volve xuntar aos amigos. Por eles e por todos nós, saúde e Terra, meus irmáns!

Comparte nas túas redes sociais ou por email