Outono

Categoría: Opinión

No outono caerán, como sinala o tópico literario, moitas follas en forma de libros. Coma noutras estacións. Mais, desta volta, para a nosa editorial, serán follas ateigadas de ilusión. Sempre o son, abofé, mais neste outono que agora encetamos a Editorial Galaxia disponse a andar vieiros novos nunca ensaiados antes, pero que veñen presididos polo mesmo espírito que, na súa fundación, animou os pioneiros a poñer en pé a editorial: modernizar a cultura galega, darlle espazo ás súas letras e traer as de fóra xunta nós.
Víctor F. Freixanes, o noso director xeral, explicaba na súa columna neste mesmo espazo, as liñas esenciais dalgúns deses camiños: o proxecto Mar Maior, unha editorial dentro da editorial, como nos gusta dicir, e que vai incluír no seu catálogo a obra en castelán de autores como Blanco Amor ou Álvaro Cunqueiro, ou as novelas de Rosalía de Castro…, entre outros; ou Sueños del Gatipedro, proxecto centrado nos pequechos da casa e froito da alianza e sinerxía con outra grande empresa galega, como é FOL MÚSICA; ou a tradución, tantas décadas despois de ser soñada por Otero Pedrayo e outros, do Ulises de Joyce, con toda a carga simbólica que ten esta publicación na nosa lingua.
Estratexias de espallamento, de crecemento, de aventura. A mesma que, en hora boa, soñaron os que soñaron un país posible. Unha terra vizosamente orgullosa de seu, que non só quere verse a si mesma, senón tamén conquistar novos territorios, superar alfándegas, facer pan coa mesma fariña, pero con sabores aínda non coñecidos.
O outono vai ser apaixonante. No tempo en que a terra se renova e todos nos renovamos, preparándonos para seguir sendo. Para seguirmos sendo nós.

Comparte nas túas redes sociais ou por email