'Galicia, Ceo das letras', o ciclo co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende renderlle unha homenaxe a grandes autores clásicos da literatura, regresa á programación da Cidade da Cultura cunha homenaxe ao gran patriarca das letras galegas: Otero Pedrayo. Un relatorio a cargo de Ramón Villares e unha peza teatral darán corpo a este novo "sábado de autor". Esta cita tamén contará coa presenza do escritor, editor e presidente da Fundación Otero Pedrayo, así como director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; ademais dunha sesión paralela para os máis pequenos.

Figura central do galeguismo cultural e político, posuidor dunha cultura enciclopédica e fondo coñecedor da sociedade rural galega da época, Otero Pedrayo será protagonista na Cidade da Cultura a través das palabras dun dos maiores coñecedores da súa vida e obra: Ramón Villares. Ensaísta e Catedrático de Historia Contemporánea, Villares foi reitor da USC e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea, exercendo na actualidade o cargo de presidente do Consello da Cultura Galega.

Casa Hamlet en escena

'Otero Pedrayo. Notario de todas as cousas' contará tamén coa posta en escena dunha pequena peza teatral a cargo da compañía Casa Hamlet, que regresa o ciclo Galicia, Ceo das Letras coa obra Fidalgo. Trátase dunha peza duns corenta minutos baseada en diferentes textos de Otero Pedrayo, interpretada por Manuel Lourenzo e Rubén Espejo, co apoio musical de Brandán Lourenzo.

Actividades para pequenos lectores

Galicia, Ceo das Letras conta este ano cunha sesión paralela na que os máis pequenos se introducen no mundo de cada un dos autores dunha forma lúdica e entretida. Da man de Marta Ríos e María Lado, rapaces de 6 a 11 anos resolverán pequenos misterios sobre a vida e obra de Otero Pedrayo a través de xogos, actividades colectivas e pequenas lecturas, contando sempre coa axuda dun elenco de personaxes que os guiarán na súa investigación como se fose a procura dun tesouro. A actividade desenvólvese nun percorrido que transcorre pola Biblioteca da Cidade da Cultura, onde os nenos van atopando diversas actividades lúdicas que os achegarán ao escritor e á súa obra, ao tempo que pintarán a Otero Pedrayo, escoitarán música, disfrazaranse e moitas actividades máis.

Prazo de inscrición

Todo aquel que queira participar nesta nova sesión de Galicia, Ceo das Letras, tanto na versión de adulto como na de infantil, poderá inscribirse en www.cidadedacultura.org totalmente de balde dende hoxe luns.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR