Os libros de Galaxia en Google

Categoría: Nova

Semanalmente Google informa dos movementos que se producen no fondo de exposición e promoción editorial que Editorial Galaxia ten no buscador. Na actualidade hai máis de mil títulos galegos que poden ser consultados, segundo o acordo que o pasado ano estableceron as dúas empresas. A curva é espectacularmente ascendente.

En novembro de 2008, cando iniciamos a experiencia, as visitas a libros galegos de Galaxia en Google-Books foi de 1.405. En decembro a cifra ascendeu a 12.470. En xaneiro, a 23.096. O número de títulos consultados en febreiro (datos a día 21 dese mes) foi de 53.793, con 172 clics de enlaces de compra. Lembramos que a compra só se pode facer a través das conexións coa Web da editora ou coas librerías que se referencian nas páxinas de Google-Books. Na semana do 15 ao 21 de febreiro producíronse 10.949 visitas.

Os libros do fondo editorial de Galaxia máis consultados foron "Gran Dicionario Século XXI" (785), que editamos con Edicións do Cumio, e "Dicionario de sinónimos" (382). Os últimos títulos que incorporamos a Google-Books para promoción e consulta foron "Territorio, financiamento e control de gasto" (Ensaio), VV.AA., "Paisaxe e nación" (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio), de María López Sández e "Lampreas e pesqueiras" (Guías Galaxia), de Miguel Piñeiro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email