DORIS LESSING EN GALEGO

Categoría: Nova

Publicada por primeira vez en 1962, O caderno dourado conta a historia de Anna Wulf, unha muller divorciada, inmersa nunha crise persoal, que decide escribir as súas experiencias en catro cadernos de cor diferente. O caderno negro para a súa vida literaria, o vermello para a política,
o amarelo para a vida emocional e o azul para todo o cotián. Mais vai ser no quinto caderno, o dourado, no que ha lograr abranguer a totalidade da súa vida e no que ha atopar a chave que permita a súa recuperación definitiva como muller e como persoa.

da escritora inglesa Doris Lessing, é unha narración focalizada na voz dunha muller e escrita desde o mundo vivencial, intelectual e emocional das mulleres. Unha obra maior.

A novela de Doris Lessing é a historia da busca dunha linguaxe que permita expresar a identidade da protagonista sen que se vexa reducida ou dominada polo papel que a sociedade lle adxudica. Narra a historia de como unha muller se conta a si mesma para chegar a saber quen é, a historia de alguén que atopa nos seus conflitos consigo e cos demais a maneira de coñecerse e aceptarse. O caderno dourado é unha novela que reflexiona tamén sobre o propio feito de narrar, unha novela que se constrúe ao mesmo tempo que cuestiona a literatura como linguaxe estable, unha linguaxe que debe dubidar de si mesma se quere ser honesta.

A edición galega inclúe un interesante limiar de Doris Lessing escrito en 1971. A escritora foi Premio Nobel de Literatura en 2007.

Comparte nas túas redes sociais ou por email