Os contos para iPad e iPhone quedaron presentados

Categoría: Nova

Onte toda a prensa galega, así como os bloggers especializados facíanse eco da iniciativa de Galaxia e Perro Verde Films, en colaboración Milrayas, da creación de cinco contos en galego para iPad e iPhone. Onte subíronse á tenda de Apple e nuns dez días, como marca o protocolo para este tipo de aplicacións, estarán dispoñibles para a súa descarga a 2.99 euros cada conto, un prezo realmente suxestivo para un libro con amimacións, interactivo e con dobraxe e narración en galego, castelán e inglés.
Onte, no marco do Foro Internacional de Contidos Dixitais, unha das citas máis importantes do ano en todo o mundo, responsables das tres empresas levaron adiante a presentación dos contos nunha sala ateigada de público interesado que, ademais de nos felicitar pola novidade, particupou moi activamente no debate posterior.
Manuel Cristóbal, presidente de Perro Verde Films abriu o acto sinalando que 'para esta aventura non poderíamos ter atopado mellores compañeiros de viaxe que a Editorial Galaxia'. Despois, tomou a palabra o coordinador de Novos Proxectos da Editorial Galaxia, Francisco Castro, quen explicou polo miúdo a xénese do proxecto, que inseriu dentro do 'salto á modernidade que estamos a desenvolver na editorial dende hai uns anos, coa subida do noso catálogo a Google Books, os eBooks que xa temos dispoñibles para a súa venda, os diferentes blogs que temos funcionando, a nosa presenza nas redes sociais… Este é un salto cualitativo máis. Galaxia estivo sempre na modernidade dende a súa fundación. Agora, neste contexto de globalización, parecíanos fundamental que a lingua e a creación galega estivesen presentes. E velaquí estamos'.
Despois, os responsables de Milrayas desenvolveron polo miúdo o funcionamento dos contos.
Unha xornada importante para a edición galega e para a hiistoria da nosa editorial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email