Galaxia aparece así na relación dos sete galardoados cos Premios da Cultura Galega 2010 que onte deu a coñecer a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia:
– Artes Escénicas, Eduardo Alonso
– Artes Plásticas, Menchu Lamas
– Creación Audiovisual, Vaca Films
– Iniciativas a prol do Patrimonio Cultural, Fundación Barrié
– Letras, Agustín Fernández Paz
– Música, Orquestra Sinfónica de Galicia
– Promoción Cultural, Editorial Galaxia
A reunión do xurado foi presidida polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e contou coa participación como vogais institucionais do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o vicerreitor de extensión universitaria, cultura e sociedade da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Garbayo, e a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Mercedes Goicoa. A estes membros sumáronse os designados por Cultura, o catedrático de Teoría da Literatura e secretario da Real Academia Española, Darío Villanueva; o profesor e crítico de arte Antón Castro Fernández, a arquitecta Isabel Aguirre Urcola e o compositor Juan Vara García.
O Premio á Promoción Cultural de Galicia recoñece a Editorial Galaxia pola súa traxectoria vinculada á expansión cultural do país e á difusión no exterior. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.
O escritor Agustín Fernández Paz, premio da Cultura Galega no apartado de Letras, agradeceu o premio mais decidiu rexeitalo en coherencia coa súa posición contraria a estes galardóns dende a súa convocatoria e en protesta pola actual política lingüística da Xunta de Galicia.