Os contos curriculares

Categoría: Opinión

Son mestra dende hai máis de vinte anos; desde os meus comezos moito cambiou o conto na literatura infantil. Cando empecei -ben pola miña inexperiencia, descoñecemento, ou pola escaseza- só unha vez á semana líamos un conto, moitos deles eran os mesmos que escoitara na miña infancia. Se quería contárllelo en galego, non tiña outra que facer unha tradución simultánea porque non había moita produción propia. Logo sucedeu a milagre, apareceron os primeiros álbumes, modernos, con historias non contadas, con imaxes non vistas, con temas non tocados, con tipografías arriscadas, con estratexias de márketing caseiro pero orixinal que chegaba aos mediadores inmediatos entre o libro e os nenos, nós os mestres e mestras…, houbo un antes e un despois.

Malia todos os malos agoiros da crise, a literatura infantil é un dos sectores máis puxantes no mundo editorial, a calidade do produto galego recoñecese a nivel internacional e humildemente penso que, niso, os docentes tivemos moito que ver; acollemos ilusionados as novidades, investimos o noso escaso orzamento na merca de libros, lemos a diario, dannos pé a iniciar propostas didácticas; iso, as editoriais sábeno e mímannos moito. Como se di agora “temos unha boa maridaxe”. Pero, tamén entraña unha perversión que cada vez me preocupa máis: os contos curriculares.

Contos concibidos in vitro ou nun ventre de aluguer, froito dun cruce de valores e contidos curriculares, que nacen no momento preciso, con escaso peso literario, cun recendo a didactismo rancio, bendicidos con nomes e reseñas que nos espertan a vena programadora aos mestres e mestras.

Dádenos contos irreverentes, contos que nos fagan tremelicar, soñar, emocionar, rir a gargalladas, contos para ler sen parar; esa é a vosa responsabilidade –escritores, ilustradores, editores- e logo nós –os docentes- se cómpre, xa lle sacaremos o zume didáctico e a xustificación curricular.

Así, lograremos que as nosas e vosas crianzas –nenos e contos- teñan unha vida saudable, literariamente falando.

Comparte nas túas redes sociais ou por email